Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de marzo de 2022

O Concello reformará o Rexistro de María Pita para ampliar os postos de atención á cidadanía e mellorar a calidade do servizo

O Consistorio investirá 922.000 euros nunha actuación que permitirá ampliar a atención simultánea ata un máximo de 20 persoas, fronte ás 14 actuais, e ofrecer ademais un espazo de agarda axeitado

O Goberno municipal ten previsto licitar ao longo do primeiro semestre deste ano as obras de reforma e ampliación do Rexistro de María Pita, localizado nos baixos do pazo consistorial. As actuacións previstas contan cun orzamento total de 922.000 euros, e suporán unha fonda reestruturación das dependencias para facelas máis áxiles e operativas na súa atención ao público.

O proxecto establece unha reorganización das estancias actuais, de tal xeito que fronte aos cerca de 200 metros cadrados destinados na actualidade á atención ao público, haberá 375 metros cadrados cando rematen os traballos. A dita ampliación permitirá que os postos de atención ao público pasen dos 14 actualmente habilitados a un total de 20, o que permitirá a atención simultánea de máis persoas usuarias e, deste xeito, axilizaralle os trámites e xestións á cidadanía.

Ademais, as dependencias contarán tamén cunha ampla sala de agarda que lles permitirá ás persoas usuarias dispor dun lugar máis acaído para agardar a ser atendidas. O mobiliario, o illamento e os sistemas de aire acondicionado serán tamén renovados para lles ofrecer unha maior comodidade aos usuarios e usuarias do servizo. 

O Rexistro de María Pita é unha das dependencias municipais que atende un maior número de persoas. A aplicación dun sistema de cita previa, operativo desde maio do 2020, permitiu unha mellor organización da atención. Ese sistema manterase no tempo e convivirá no renovado rexistro cun reforzo á atención presencial, de tal feito que a cidadanía sen coñecementos tecnolóxicos ou que non desexe empregar medios electrónicos poida tamén solicitar a súa cita e mesmo ser atendida por persoal que lle axude nos trámites. 

"O Concello ten que se adaptar necesariamente ás novas tecnoloxías, porque son útiles e facilitan a xestión, mais temos a obriga tamén de axudar a quen non as emprega, persoas ás que tamén lles imos facilitar as cousas co novo modelo de atención posto en marcha por Inés Rey", indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas. 

Na mellora da atención ao público durante o actual mandato, o Concello leva xestionadas desde maio do 2020 preto de 400.000 citas previas. Ademais, retomáronse tanto no Ágora como no Fórum, as xestións de trámites de Padrón que levaban anos centralizados exclusivamente en María Pita, contribuíndo así a reducir a presión sobre o servizo, mais sobre todo a reducir os tempos de atención e a evitar desprazamentos. 

A renovación do Rexistro municipal ten un prazo de execución de seis meses, polo que estará en funcionamento nos primeiros meses do 2023.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión