Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de setembro de 2022

Sae a licitación o primeiro Plan de Saúde Mental do Concello da Coruña, froito do acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica

Trátase dun proxecto para atender os problemas de saúde mental desde a proximidade, e que pon á Coruña na vangarda das políticas sociais en Galicia

A plataforma de contratación do Estado abriu hoxe o proceso para licitar a redacción do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental do Concello da Coruña, que nace froito do acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica para a aprobación dos Orzamentos 2022. Trátase dun programa que contempla a prevención, a promoción e a atención á saúde mental desde unha perspectiva de proximidade, e que porá á Coruña na vangarda das políticas sociais en Galicia. 

A licitación do proxecto está dotada con 104.000 euros e ten un prazo de elaboración de dez meses. Esixe a implicación de profesionais do eido sociosanitario, da Socioloxía e do Dereito. A atención á saúde mental da poboación está a converterse nunha prioridade para as institucións públicas, impulsada mesmo desde a Unión Europea, ao tempo que se detecta un aumento na prevalencia da depresión, a ansiedade, o estrés e outras doenzas. Por iso, o Concello da Coruña implícase neste ámbito. 

"Ante a falta de recursos destinados a este ámbito por parte da única administración competente en materia sanitaria, a Xunta de Galicia, o Concello dá un paso adiante para suplir, unha vez máis, os déficits do executivo autonómico nesta cidade", indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage. 

Para María García, voceira da Marea Atlántica, "a pandemia de hoxe é a da saúde mental, e fronte a ela temos que activar medidas e redes comunitarias que nos permitan actuar desde o local, a vida non pode doerlle tanto a tanta xente". E engadiu que, "debemos facelo coma propón este Plan Municipal, tendo en conta o contexto de incerteza económica, as condicións laborais precarias, as violencias e a discriminación". 

Obxectivos do Plan de Saúde Mental 

Nos pregos para a licitación, publicados hoxe, sinálanse con claridade os obxectivos do futuro Plan de Saúde Mental do Concello da Coruña, comezando pola protección dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental e o reforzo da colaboración dos movementos asociativos e a participación cidadá. 

A infancia e a mocidade, así coma as persoas en situación de vulnerabilidade social, serán prioritarias neste Plan, por ser colectivos nos que a incidencia da enfermidade mental está a medrar notablemente. Tamén se traballará desde o punto de vista da atención aos barrios, a perspectiva de xénero, a igualdade e a tranversalidade, xa que todas as áreas de goberno deben ter en conta o impacto das súas políticas. 

O acordo orzamentario entre a Marea Atlántica e o Goberno municipal tamén prevé a creación dun servizo municipal de atención psicolóxica mediante un convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, así como a inclusión de profesionais da psicoloxía nos equipos de atención social e nos centros de ensino.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión