Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de setembro de 2022

Máis de 100.000 persoas visitaron os Museos Científicos en xullo e agosto

O Aquarium Finisterrae foi o máis visitado con 66.053 persoas, 10.500 máis que no ano 2019

A rede de Museos Científicos da Coruña acolleu este verán 108.322 visitantes entre os meses de xullo e agosto, superando as cifras rexistradas con anterioridade á pandemia. Estas cifras son resultado da estratexia turística do Goberno de Inés Rey, nunha aposta pola reactivación económica do sector coa posta en valor dos principais atractivos da cidade. A rede de Museos Científicos está composta pola Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, tres museos que ofertan actividades, obradoiros e, especialmente, exposicións e contidos caracterizados polo seu carácter interactivo e diverxente.

A Domus acolleu 21.373 visitantes na época estival, logo da estrea do novo módulo do parto. O emblemático vídeo substituiuse antes da chegada do verán, despois de 27 anos de reproducións. É un dos grandes atractivos do Museo.

Pola súa banda, a Casa das Ciencias acolleu 20.896 visitas, superando lixeiramente as cifras de 2019. Unha das súas atraccións principais é o planetario, que este verán contou con catro proxeccións diferentes: dúas para o público infantil e outras dúas para adultos. Ademais, entre o 8 e o 14 de agosto, todas as sesións do Planetario tiveron unha explicación inicial dedicada ás Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo, unha das citas astronómicas máis seguidas do verán.

O Aquarium Finisterrae foi o museo máis visitado, con 66.053 visitas entre os meses de xullo e agosto, superando os datos de 2019. Foron un total de 10.500 persoas máis as que visitaron as instalacións, o que supón un incremento do 19 % respecto ás cifras anteriores da pandemia e en sintonía coas cifras de ocupación hoteleira, que incrementaron a súa facturación nun 15 % respecto ao ano 2019 cunha ocupación do 90 %. Unha mostra do éxito da estratexia do Goberno de Inés Rey e do seu compromiso co sector turístico, posicionando á cidade da Coruña como un dos destinos de referencia da época estival.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión