Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de agosto de 2022

Serán 140 as persoas que integran os grupos que achegarán as culturas, bailes e folclore dos distintos países representados no festival

Agrupacións de Bolivia, Xeorxia, Guinea-Bissau e México participarán do 10 ao 14 de agosto na 35 edición do Festival Internacional de Folclore

A Asociación de Coros e Danzas Eidos completa un cartel formado polas compañías de danza Acuarela Boliviana, University-Flying Georgians, Netos de Bandim de Guinea-Bissau e Tierras Mexicanas

Agrupacións culturais de Bolivia, Xeorxia, Guinea-Bissau e México, xunto coa asociación de coros e danzas Eidos, participarán do 10 ao 14 de agosto no Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña, que este ano chega a súa 35 edición.

No certame tomarán parte a compañía de danza Acuarela Boliviana, a compañía University-Flying Georgians, de Xeorxia, o grupo cultural Netos de Bandim, de Guinea Bissau, a compañía de danza Tierras Mexicanas, e o grupo local da asociación de coros e danzas Eidos, promotora do festival, que integran o cartel dun encontro totalmente consolidado dentro do programa de festas de María Pita.

Serán un total de 140 as persoas que integran dos grupos participantes, que terán como obxectivo principal achegar a cultura, a música, as roupas tradicionais e o folclore dos seus respectivos países, tal como vén sucedendo desde 1987, cando se desenvolveu a primeira edición do festival.

A gala inaugural do certame será o mércores 10 de agosto na praza de María Pita ás 20.00 horas, coa presenza de todos os grupos e unha primeira actuación que correrá a cargo de Eidos, a que seguirán as das agrupacións de Bolivia, Guinea-Bissau, México e Xeorxia, por esta orde. Os días 11 e 12 repetirase hora e escenario, mentres que o sábado e o domingo haberá a partir das 19.00 horas un desfile de todas as persoas participantes desde o Cantón ata a praza de María Pita para confluíren ás 20.00 horas coa actuación dos grupos, cerrando o certame a asociación de coros e danzas Eidos, como promotora do festival.

Un festival de referencia

O Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña está recoñecido como integrante do Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folclore e das Artes Tradicionais (CIOFF) e forma parte do Circuíto Norte de Festivais deste organismo en España. Promovido pola asociación provincial de coros e danzas Eidos en colaboración co Concello da Coruña, ten como principal obxectivo achegarlle á cidadanía a cultura e folclore doutros países e durante estes 35 anos logrou que A Coruña estea presente nos organismos internacionais relacionados coa cultura popular.

Durante o seu percorrido, o festival contou coa participación dun total de cen grupos de todo o mundo: 18 son de Europa, nove países de Africa, 18 de América, 11 de Asia e dous grupos de Oceanía, ademais de case 40 agrupacións de practicamente todas as comunidades de España.

Nesta edición serán grupos de Bolivia, Xeorxia, Guinea-Bissau e México. A compañía de danza Acuarela Boliviana, composta por 26 integrantes, traballa desde 2013 na difusión e preservación do folclore de Bolivia e gañou en Italia o primeiro premio "Templo de Oro" no Festival Mandonrio in Fiore en 2018.

A compañía University-Flying Georgians, de Xeorxia, foi fundada en 1996. Depende da universidade estatal do mesmo nome e presenta un programa no que mostra o espírito xeorxiano e os cambios que se produciron no folclore e historia dese país. Está formado por 40 bailaríns.

O grupo cultural Netos de Bandim de Guinea Bissau foi creado no ano 2000 pola Asociación de la Infancia coa intención de facilitar a integración sociocultural da infancia e mocidade do barrio de Bandim. As 20 persoas integrantes do grupo teñen como fin primordial ofrecer un espazo de convivencia e ensinar boas prácticas de cidadanía a través da música, o teatro e a danza ás persoas máis necesitadas que viven en situación de extrema pobreza.

A compañía de danza folclórica Tierras Mexicanas conta con 32 integrantes e defende a pluriculturalidade, a inclusión, solidariedade e tolerancia, e está orientada cara á mozas e mozos bailaríns que poidan compaxinar os estudos e o mundo da danza.

A coruñesa asociación Eidos conta xa con 80 anos de existencia e traballa na investigación e divulgación do folclore galego, representando durante todo este tempo a nosa cultura tradicional en distintos festivais, xiras e concursos, tanto en España como a nivel internacional. Conta con numerosos premios e distincións, entre as que figura a Medalla de Ouro ao Mérito da Coruña.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión