Concello da Coruña

Concello da Coruña

Que son as naves do metrosidero?

As Naves de Metrosidero serán un equipamento público e cidadán. Un espazo plural, diverso e inclusivo para a mocidade da Coruña. Un espazo para sentirse parte, accesible e facilitador que acompaña ás persoas que están nese grupo de idade a desenvolver as súas inquedanzas creativas, produtivas, de investigación, de aprendizaxe e formación e lúdicas, tanto a nivel individual como a nivel colectivo.

O espazo debería estar dotado de espazos interiores e exteriores que posibilitasen un uso polivalente e diverso pero á vez integrador. Cada unha das tres naves que conforman o conxunto do proxecto terá unha natureza distinta coa vontade de confluír nos espazos comúns de convivencia e integración.

Como poderían ser os espazos das Naves?

Catro poderían ser as ideas clave á hora de formular os usos dos espazos rehabilitados:

Nave de prácticas deportivas urbanas: un espazo que podería orientarse á práctica e a formación en deportes urbanos: skate, parkour, patinaxe, rocódromo, etc. Este espazo constaría dun chan adaptado á práctica de deportes urbanos como os descritos máis arriba e estaría dotado de todos os elementos precisos para a práctica do skate, o parkour e outros deportes urbanos. Disporía dunha parede vertical equipada como rocódromo e dun espazo de almacenaxe o suficientemente amplo para poder dar cabida aos materiais necesarios para estas prácticas deportivas.

Nave de aprendizaxe e obradoiros: un gran espazo espazo versátil, que inclúa pequenos espazos no seu interior - dotados de luz natural, ventilación, mobiliario móbil e pregable e armarios de almacenaxe - nos que desenvolver actividades, obradoiros e formación en emprendemento, tecnoloxía, deseño, videoxogos, xogos de rol e de estratexia, fotografía e todos aqueles temas de interese para a mocidade. Esta nave podería dispor de diferentes espazos versátiles. Posibles espazos de taller creación e investigación tecnolóxica ou para reparación de bicicletas, patíns e outros elementos da práctica deportiva e de ocio poderían ter cabida nesta nave na procura dun espazo versátil para estar, onde xuntarse informalmente con outras persoas.

Nave de actividades e ensaio: un espazo vinculado a actividades de ensaio, investigación, residencias artísticas, formación, produción, presentacións de ámbito escénico tales como circo, danza, teatro, música, poesía e outras relacionadas coas artes vivas, visuais e plásticas. Un espazo diáfano con luz natural e ventilación que podería escurecerse por completo. Tería unha parrilla técnica no teito e potencia eléctrica suficiente para as actividades de artes vivas. Podería dispoñer de vestiarios completamente equipados.

Espazos exteriores e de convivencia: funcionarían como espazos integradores, de encontro e transición, de uso común entre persoas con intereses diversos. Serían espazos dotados con conexión a internet e mobiliario versátil e móbil para poder adaptalos ás necesidades da mocidade e realizar diferentes tipos de actividades. O complexo disporía dunha estación de Bicicoruña e un aparcadoiro de bicicletas coa intención de favorecer o trasporte sostible. Estaría dotado tamén de espazos para hortas urbanas e a infraestrutura necesaria para a compostaxe.

Como serán os modelos de xestión?

As Naves do Metrosidero serán un equipamento público municipal no que poder experimentar sistemas e modelos de xestión plural nos que poderían convivir servizos municipais, programas e actividades públicas, un equipo de dinamización propio e espazos de autoxestión e actividades organizadas por entidades xuvenís, colectivos informais e/ou pola propia mocidade usuaria. Un espazo aberto 365 días ao ano e sete días á semana nun horario flexible e adecuado para o público ao que se vai dirixir e as actividades que está chamado a acubillar.

As Naves do Metrosidero serán un espazo que deberá ter por misión dotar á mocidade dun espazo de referencia, un tipo de equipamento inexistente na cidade e que aposta pola mocidade como suxeito activo, empoderado e protagonista. Estas liñas básicas de definición do proxecto concretaranse nun espazo de traballo aberto e colaborativo coa mocidade, que consistirá nun total de 8 encuentros participativos desenvoltos nos meses de abril a decembro de 2018.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión