Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Xardín de San Carlos recupera o seu deseño orixinal

O xardín máis antigo da cidade retoma o seu horario habitual de visitas tras unha remodelación que o mantivo pechado durante dez meses.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 11/11/2022 ata o 31/12/2022

Xa rematou

O pasado dous de novembro abríronse de novo ao público as portas de acceso ao Xardín de San Carlos, espazo emblemático da cidade e, en especial, da Cidade Vella. Xardín romántico por excelencia e o máis antigo da Coruña, alberga no seu interior un olmedo único en España, composto por dezasete árbores senlleiras, e máis dun cento de especies herbáceas e arbustivas que se insertan nun conxunto catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).

Pechado en xaneiro de 2022, a Concellería de Medio Ambiente traballou durante todos estes meses nunha minuciosa restauración, que abarcou tanto o conxunto botánico como os seus elementos patrimoniais, tratando de recuperar o deseño orixinal do xardín, creado en 1830 e modificado en 1944, á mantenta da construción do Arquivo do Reino de Galicia.

No proxecto traballaron distintos equipos de alta cualificación profesional que restableceron os oito parterres orixinais dos que dispoñía o espazo (no século XX reducíronse a sete), unidades bioxeográficas que representan a flora de oito hábitat: Galicia, Europa, América do Sur, América do Norte, Asia Tropical, Asia Temperada, África e Oceanía. Ademais, repuxéronse exemplares das especies que estaban máis danadas, como os teixos que pechan os parterres, incorporáronse especies novas herbáceas e arbóreas, como fentos cyathea, aves do paraíso, granadeiros, heucheras e gauras, e retiráronse tres olmos afectados por grafiose, que se repoñerán este inverno, preservando un olmedo formado por 17 exemplares de alto porte que é único en España. A selección de especies permitirá, ademais, que en todas as estacións do ano haxa algunha especie en plena floración.

Así mesmo, restituíronse as 130 lanzas de Juan de Ciórraga, feitas de forxa de ferro, que pasaron por un laborioso proceso de limpeza, decapado, restauración e pintura para devolverlles o lustre inicial.

Ao conxunto engadiuse unha escultura do creador do xardín, o brigadier Francisco Mazarredo, mellorouse a sinalética de información e divulgación técnico-científica, con indicación de cada unha das 150 especies que contén o xardín, e con elementos de lectura dixital con linguaxe inclusiva. Do mesmo xeito, mellorouse o firme para gañar en sensibilidade e delicadeza cos elementos existentes e instaláronse bancos individuais que facilitan as vistas desde os miradoiros.

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, destaca que se trata "dunha xoia do noso patrimonio natural e histórico que mereceu un minucioso e coidado proceso técnico de recuperación, mantendo en todo momento o seu deseño orixinal. A alta cualificación de todos os equipos que alí traballaron frutificou, finalmente, nun espazo agradable para pasear, sentar a gozar da lectura ou sinxelamente para descansar nunha contorna única".

A edil lembra que "só queda recibir os tres exemplares que substituirán os olmos ferozmente atacados pola grafiose, e que tantos desgustos xerou en todo o equipo, porque o noso xardín é o único caso en España de olmedal, o que lle engade valor a este espazo máxico situado no corazón da nosa cidade".

A recuperación integral do conxunto financiouse con fondos europeos e acadou un investimento de 250.000 euros.

Para as persoas interesadas en pasear, respirar e soñar nun remanso de quietude encaixado en plena malla urbana, o Xardín de San Carlos mantén o seguinte horario:

- Inverno (novembro a marzo):

Luns a domingo das 08.00 ás 20.00 h

- Verán (abril a outubro):

Luns a domingo das 08.00 h ás 21.00 h

Econsellos Sustentabilidade

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión