Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de xuño de 2021

O Concello pon en marcha unha oficina virtual de graffitis pioneira en España

A veciñanza pode desde hoxe dar conta de pintadas ilegais na cidade enviando unha mensaxe a oficinavirtualgraffiti@coruna.gal. A concelleira de Medio Ambiente sinalou que unha das prioridades da alcaldesa Inés Rey desde a súa chegada a María Pita é a limpeza da cidade. Fontán anunciou que o consistorio estuda a creación de novos espazos na cidade para que as e os graffiteiros realicen este tipo de manifestacións artísticas, “de xeito coidado e legal”.

A concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, anunciou esta mañá en rolda de prensa a posta en marcha dunha oficina virtual de atención en materia de graffitis por parte do Concello e en colaboración coa Patrulla Verde da Policía Local, a empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria e a empresa Orión Analistas, que traballarán de forma conxunta co fin de axuntar todos os recursos existentes para a xestión das pintadas ilegais.

Fontán sinalou que unha das prioridades da alcaldesa Inés Rey desde a súa chegada a María Pita é a limpeza da cidade e esta iniciativa, pioneira en España, xunto a outros dispositivos de limpeza que se están levando a cabo, axudarán a ter "unha Coruña máis limpa, unha cidade da que presumir".

"Trátase dunha ferramenta áxil e eficaz dirixida ao control integral e á eliminación das pintadas vandálicas realizadas na cidade que contará coa colaboración veciñal para dar conta destas pintadas ilegais", apuntou a edil. Explicou que a nova oficina traballará na creación dunha base actualizada dos graffitis non autorizados existentes na cidade, identificación de graffiteiros/as activos/as e elaboración de informes periciais para a posterior tramitación dos correspondentes expedientes sancionadores e limpeza de fachadas de titularidade non municipal que linden con espazos de uso público a través da eliminación das pintadas.

A titular de Medio Ambiente tamén anunciou que o consistorio estuda a creación de novos espazos na cidade para que as e os graffiteiros realicen este tipo de manifestacións artísticas, "de xeito coidado e legal"

A veciñanza pode desde hoxe avisar ao consistorio das novas pintadas ilegais enviando unha mensaxe a oficinavirtualgraffiti@coruna.gal. A partir do  1 de xullo estará dispoñible unha sección na web municipal de Medio Ambiente con información relativa ás actuacións que se están a realizar en materia de limpeza de pintadas. Tamén estará dispoñible o modelo de autorización da propiedade para a limpeza de superficies que entrañen dificultades especiais, así como un formulario que poderán cubrir as persoas titulares que non queiran que o Concello interveña na limpeza as pintadas das súas fachadas.

Fontán indicou que un dos obxectivos da oficina virtual é a protección dos espazos que xa se están limpando na cidade. O Concello iniciou hai semanas un dispositivo especial para a limpeza de pintadas ilegais barrio a barrio, que estivo catro semanas limpando en profundidade as do distrito de Cidade Vella. Este plan de limpeza de graffitis seguirá polo distrito de Monte Alto e continuará barrio a barrio até abarcar os dez distritos da cidade. A medida que se vaian limpando as pintadas dun barrio ou distrito, dixo a concelleira, "farase un seguimento para evitar que aparezan novas pintadas e, no caso de apareceren, eliminaranse de inmediato". O obxectivo é preservar a limpeza das zonas xa tratadas. A edil lembrou que as sancións para as e os autores das pintadas vandálicas comezan en 750 euros e ascenden até os 2.000 euros en caso de ser reincidentes e que até o momento a Policía Local ten identificados case unha vintena de graffiteiros/as ilegais.

Enerxía sostible

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión