Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de outubro de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a adxudicación da primeira fase de reurbanización no grupo de vivendas de María Pita-Labañou, cun prazo de execución de oito meses

O Concello da Coruña solicítalle ao MITMA a cesión de Alfonso Molina, paso previo para executar as obras de ampliación e humanización na avenida

Tras a consecución dos traballos, que serán financiados e executados polo ministerio, o Concello asumirá a conservación e explotación do tramo que vai desde a Ponte da Pedra ata as conexións de acceso e saída da AP-9

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a aprobación en Xunta de Goberno da solicitude de cesión, ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, do tramo de Alfonso Molina que vai desde a Ponte da Pedra ata as conexións de acceso e saída da autoestrada AP-9.

A solicitude ao MITMA, aprobada este mércores en Xunta de Goberno Local, é o primeiro paso coordinado co ministerio para que se poidan iniciar os traballos nesta vía. Trátase dun requisito fundamental para executar as obras de ampliación e humanización da avenida de Alfonso Molina, que serán licitadas polo ministerio no primeiro semestre do ano que vén, tal e como anunciou a ministra Raquel Sánchez na súa visita á cidade o pasado luns.

"Esta transferencia facilitaranos no futuro a xestión do tráfico nun dos puntos centrais da cidade e simplificará os trámites á hora de acometer reformas ou actuacións posteriores", subliñou Inés Rey. Neste sentido, e tras a consecución dos traballos, que serán financiados e executados polo MITMA, o Concello asumirá a responsabilidade de conservación, explotación e mantemento do tramo de Alfonso Molina que conecta a Ponte da Pedra coa AP-9, un percorrido de case quilómetro e medio lindeiro con barrios da cidade como Elviña, O Birloque, Matogrande e Xuxán.

A alcaldesa amosou, novamente, o agradecemento do Goberno municipal ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así como á ministra, Raquel Sánchez, "por escoitar as nosas demandas. No caso de Alfonso Molina, unha demanda histórica da Coruña que comezará a saldarse neste mandato".

Adxudicación das obras de reurbanización nas vivendas de María Pita-Labañou

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación das obras incluídas na primeira fase de reurbanización na Área de Rehabilitación Integral (ARI) do grupo de vivendas de María Pita-Labañou.

O proxecto, que saíu a licitación o pasado mes de xuño cun orzamento previsto de 728.908,05 euros, será executado pola empresa Seranco, encargada de acometer un ambicioso plan de intervencións de rehabilitación na urbanización delimitada pola avenida de Labañou, a rolda de Outeiro e a rúa Tomás Fábregas. 

Entre as melloras previstas está a futura configuración das rúas, que pasarán a ser de plataforma única, diferenciando a zona de tránsito rodado e a peonil; a creación dunha grande área de xogos no patio interior do bloque de vivendas, a ampliación das zonas de arboredo na urbanización; así como un incremento na dotación de mobiliario urbano nas zonas de lecer, onde tamén se acometerán reformas orientadas a garantir a accesibilidade da cidadanía, como unha gran rampla aproveitando a supresión do muro de contención do patio interior. Os traballos, desde a súa posta en marcha, terán unha duración de oito meses.

A alcaldesa destacou, a este respecto, o compromiso do Concello co barrio de Labañou, onde o Goberno municipal "xa valora novas medidas para dar continuidade ao plan de rehabilitación no distrito". O pasado luns, tamén en Xunta de Goberno Local, aprobouse a solicitude de participación no 'Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio', que lle permitirá ao Concello optar a fondos europeos Next Generation con vistas a acometer ata 107 intervencións de accesibilidade, humanización e remodelación do pavimento no ARI do grupo de vivendas María Pita-Labañou, intervencións valoradas en 2,4 millóns de euros.

Monitorización das zonas de estacionamento de carga e descarga

Ademais, este mércores adxudicóuselle á empresa Softled Consulting o contrato dun novo sistema de base tecnolóxica orientado á monitorización e sensorización das zonas de carga e descarga con vistas á futura implantación dunha Zona de Baixas Emisións na cidade.

O dito contrato, valorado en máis de 380.000 euros e que terá unha duración de nove meses, forma parte dun amplo paquete de medidas de mellora promovidas desde a Área de Mobilidade. En concreto, este sistema de monitorización, "daralle unha nova ferramenta ao Concello para garantir o seguimento do correcto estacionamento nas zonas de carga e descarga", detallou a alcaldesa.

O paso definitivo para acondicionar o Camiño do Cura, nos Rosales

A Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente este mércores o trámite de expropiación do Camiño do Cura, un trazado de terra localizado na contorna do campo de fútbol do colexio Calasanz, no barrio dos Rosales, e que axudará a conectar as rúas de Simón Bolívar e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O importe correspondente á expropiación é de algo máis de 85.000 euros.

Tras a obtención dos terreos, o Concello procederá ao acondicionamento deste percorrido peonil, actuando nunha superficie de 2.400 metros cadrados "para mellorar a mobilidade e, ademais, garantirlle á cidadanía un acceso máis cómodo e seguro ao complexo parroquial de Nosa Señora dos Rosales, lindeiro co camiño", concretou Inés Rey.

Licenzas de obra

Dando continuidade aos asuntos asociados á Área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local autorizou este mércores a concesión de licenza para o remate da construción dun edificio de 30 vivendas localizado no polígono de Náutica. 

O edificio en cuestión, situado na rúa Paseo de Ronda, xa se atopa en fase de construción e esta nova licenza autorízase tras a aprobación dunha serie de modificacións na superficie útil da súa planta baixa, para incrementar os locais comerciais, así como nas terrazas dos áticos e a superficie dos balcóns. 

Ademais, deuse luz verde á licenza para executar as obras de instalación dun forno de recocción de electrodos na parcela que ocupa o grupo industrial Showa Denko no polígono da Grela. As obras terán un prazo de execución de doce meses. 

Por outro lado, aprobouse tamén a concesión de licenza para que Repsol poida implantar melloras tecnolóxicas, orientadas ao aforro de combustible e á redución de emisións de CO2, na unidade de cru núm. 2 da refinería.

Servizo de limpeza dos aseos públicos da cidade

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación do contrato de limpeza e mantemento de aseos públicos en diferentes puntos da cidade. 

Este contrato, promovido pola Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade, valorado en 423.258 euros anuais, terá unha duración de dous anos, prorrogables anualmente por tres máis, ata un máximo de cinco. Será asumido pola empresa Limpezas Faro.

Econsellos Sustentabilidade

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión