Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de novembro de 2021

O Concello da Coruña participa na Semana Europea para a Prevención dos Residuos con tres campañas de sensibilización na cidade

O obxectivo é a redución dos envases, a recuperación de materiais e a concienciación cidadá cara á economía circular

No marco da Semana Europea para a Prevención de Residuos (EWWR) o Concello da Coruña, a través da Concellería de Medio Ambiente, organiza tres campañas de sensibilización para a poboación xeral, co foco posto na redución de residuos, a recuperación de materiais e a concienciación cidadá cara á economía circular.

A Semana Europea para a Prevención de Residuos (ou EWWR nas súas siglas en inglés) celébrase anualmente desde 2009 e nesta edición ten como obxectivo sensibilizar a poboación europea sobre os beneficios da economía circular aplicada desde o local. Para conseguilo, a EWWR fomenta a creación de campañas e iniciativas de sensibilización, a través da implicación das diferentes administracións e organismos públicos en materias coma a reciclaxe, a reutilización de produtos e a redución de residuos. 

Partindo desta iniciativa europea, o Concello da Coruña presenta tres campañas que se  desenvolverán nas vindeiras semanas que teñen como obxectivo aplicar os principios da economía circular entre a poboación da cidade, incidindo nas políticas de reciclaxe e concienciación postas en marcha durante o actual mandato polo Goberno de Inés Rey.  

'COFFEE: un vaso, moitos cafés'

A primeira campaña que se porá en marcha será 'Coffee: un vaso, moitos cafés', que consiste nunha acción piloto para estudar a redución na utilización de vasos dun só uso para o café na hostalaría. Para esta acción o Concello da Coruña contará coa colaboración de tres establecementos que se seleccionarán entre as cafeterías da cidade. Durante os días que dure a iniciativa obsequiarase a clientela que o desexe cun envase reutilizable de café para levar, que substitúa os vasos dun só uso que, polo xeral, non son 100% reciclables.

O obxectivo desta campaña é comprobar a viabilidade da transición cara a hábitos máis sostibles nas accións diarias, reducindo os residuos que xeramos de xeito cotián e fomentando hábitos de consumo máis sostibles, coa visión posta na aplicación dos principios da economía circular desde o concreto e o local. 

Na actualidade en España descártanse ao ano case 1.500 millóns de vasos de café dun só uso, que resultan difíciles de reciclar e que rematan en vertedoiros ou sendo incinerados. Con esta acción, o Concello da Coruña busca estudar a posibilidade de reducir a xeración destes residuos, concienciando a cidadanía e testando a viabilidade de estender nun futuro esta acción piloto a máis establecementos hostaleiros. 

Accións de formación e sensibilización en economía circular

As outras dúas campañas que se levarán a cabo serán realizadas contando coa colaboración dos centros cívicos da cidade. Trátase de dúas accións de formación e sensibilización que consistirán en Obradoiros de recuperación e reparación e unha serie de sesións formativas sobre sustentabilidade e economía circular. 

Por un lado desenvolveranse obradoiros de recuperación e reparación que se impartirán nos centros cívicos. Nestes encontros técnicos e artesáns amosaranlles ás persoas asistentes diferentes xeitos de levar adiante tarefas de recuperación e reparación de diversos obxectos cotiáns. No mesmo lugar realizaranse ademais sesións de sensibilización nas que se debaterá e reflexionará en colectivo sobre a sustentabilidade, a economía circular e a súa aplicación diaria. 

Estas actividades están abertas a todo o público, sempre con preinscrición e tendo en conta as recomendacións sanitarias e a normativa vixente no momento de desenvolvelas.

Contaminación difusa

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión