Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de setembro de 2021

Inés Rey: “É prioritario reducir as emisións, mellorar a eficiencia enerxética e impulsar a economía circular nas cidades para contribuír á protección dos nosos mares”

A alcaldesa participou na presentación do Festival Mar de Mares, que tivo lugar na Fundación Paideia, onde reivindicou a urxencia de “cambiar a nosa forma de vida” nun momento tan decisivo para o futuro do planeta e da civilización

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá na presentación dunha nova edición do Festival Mar de Mares onde reivindicou a urxencia de "cambiar a nosa forma de vida" nun momento tan decisivo para o futuro do planeta e da civilización.

"É prioritario reducir as emisións, mellorar a eficiencia enerxética e impulsar a economía circular nas cidades para contribuír á protección dos nosos mares xa que é posible manter unha economía en crecemento e, ao mesmo tempo, reducir as emisións para evitar o colapso ao que estamos abocados", sinalou a rexedora.

Nesta liña está a traballar o Goberno local, apuntou Rey, con políticas dirixidas a unha redución efectiva dos gases de efecto invernadoiro producidos pola actividade urbana, á redución da presión do tráfico rodado, á aposta polo transporte público ou á renovación integral de todas as lámpadas da cidade por tecnoloxía LED que permite reducir o gasto enerxético, entre outras.

A rexedora sinalou que o seu Executivo tamén aposta pola mellora da rede de saneamento en todos os barrios co fin de evitar que as verteduras acaben no medio mariño. E, neste punto, dixo Rey, "quixera lembrarvos a importancia do esperado dragado da ría do Burgo, que terá beneficios obvios a nivel ambiental e económico para a cidade da Coruña e para os municipios da área metropolitana".

A limpeza da ría, cun investimento de 48 millóns de euros, "é resultado do compromiso do Goberno Estatal coa cidade e co medio mariño, e un avance nesta loita para desenvolver políticas pesqueiras sostibles", asegurou.

"Na Coruña o mar é todo para nós", asegurou a rexedora, quen aludiu ao Porto da Coruña como un dos máis relevantes do país e un dos motores económicos da cidade: "A nosa lonxa liderou no 2020 a estatística de volume de descargas en Galicia. Temos a lonxa que máis toneladas comercializou en venta. Isto traduciuse nun volume de negocio de mais de 60 millóns de euros o pasado ano".

A alcaldesa reclamou a importancia do evento, "que desde a súa primeira edición, no 2014, segue reunindo aos principais expertos no estudo, na creación artística e na defensa dos océanos para dar a coñecer a impresionante beleza e a importancia vital dos mares nas nosas vidas". Este mes, sinalou, A Coruña convértese de novo na capital do mar grazas ao Festival Mar de Mares. Arte, ciencia, activismo, educación, gastronomía, deporte e emprendemento, todos os sectores e axentes da cidade unen forzas para facer del un evento único por e para o océano.

Anunciou algunhas das actividades que terán lugar no epicentro da cidade: "A exposición de Manu San Félix, biólogo mariño e explorador de National Geographic, que estará para visitar na Dársena a partir do 23 de setembro, ou a mostra de Bárbara Veiga, que amosará imaxes tomadas durante os vinte anos que lle leva dedicados á defensa dos océanos en máis de 80 países". Tamén a gran limpeza de fondos mariños, que terá lugar o 26 de setembro no paseo do Parrote. Na súa primeira edición, máis de cen persoas voluntarias recolleron 6 toneladas de residuos das nosas augas.

No acto de presentación, que tivo lugar na Fundación Paideia, tamén participaron a directora do festival, Merce Carballo, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor; o director do Centro Oceanográfico da Coruña, Santiago Parra, e o director de Trade Marketing de Estrella Galicia, Manel Pérez Piñón.

Calidade do aire e ruído

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión