Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de outubro de 2022

A alcaldesa e presidenta de EDAR de Bens visitou as instalacións e a súa Unidade Mixta de Gas Renovable, que produce biogás nunha cantidade equivalente ao consumo de mil familias

Inés Rey: “A Coruña é pioneira a nivel nacional na xeración de enerxías limpas obtidas da xestión dos residuos”

As obras de instalación dunha turbina no emisario, que comezaron esta semana, permitirá producir hidróxeno verde

A alcaldesa da Coruña e presidenta da entidade supramunicipal EDAR de Bens SA, Inés Rey, acudiu hoxe ás instalacións da estación de depuración de augas residuais para comprobar os avances acadados nos últimos anos na Unidade Mixta de Gas Renovable, un proxecto desenvolto en colaboración con Naturgy e EnergyLab. Desde xaneiro deste ano a EDAR de Bens inxecta biogás, procedente da dixestión dos residuos da planta, na rede comercial. A facturación dese gas reinverterase integramente na planta en I+D para afondar na produción de enerxías limpas.

"O potencial da nosa depuradora é inmenso, e máis nun momento de incerteza como o actual no sector da enerxía", indicou Inés Rey, quen destacou tamén que o traballo feito na EDAR de Bens non so é pioneiro a nivel nacional, senón que tamén é un exemplo de aproveitamento dos recursos para xerar enerxías limpas desde fontes renovables. "A EDAR ten potencial para dobrar a súa produción de biogás, nun futuro esta tecnoloxía axudará a reducir a nosa dependencia enerxética", indicou Rey.

A presidenta da empresa supramunicipal recordou que a da Coruña é, desde o pasado mes de xaneiro, a primeira planta de tratamento de augas residuais de España en inxectar biogás na rede de distribución, gas que se obtén mediante un sistema de membranas no tratamento dos residuos que chegan á estación de Bens. Actualmente a planta produce 60 Nm3 á hora, o equivalente ao consumo de mil familias.

A EDAR de Bens é a única depuradora de España, e unha das poucas entidades a nivel nacional, que conta cos certificados ISCC EU (International Sustainability and Carbon Certification) que garanten a orixe do biogás e o biometano producido en Bens, co que se permite a súa comercialización como combustibles renovables.

Novo sistema de xeración de hidróxeno

Inés Rey supervisou tamén os traballos de instalación dunha turbina que permitirá xerar hidróxeno verde, un dos gases renovables con maior proxección a nivel global. As obras comezaron estes días e a depuradora coruñesa será a primeira de Galicia en implantar esta tecnoloxía que explorará a capacidade da planta de producir enerxía eléctrica. O novo sistema terá un funcionamento similar ao de calquera central hidroeléctrica, aproveitando o fluxo do líquido para xerar esa enerxía. Como consecuencia destes traballos, as augas xa tratadas da EDAR de Bens sairán durante as próximas semanas ao mar desde a costa, non a través do emisario.

O hidróxeno verde terá dúas finalidades. Por unha banda, mesturarase co biogás para mellorar a súa capacidade calórica. Por outra, empregarase como combustible. Estímase que coa capacidade da EDAR para xerar este hidróxeno poderíase subministrar de combustible a dous autobuses urbanos. "Desde a EDAR estamos a dar un impulso significativo ao coidado do medio ambiente e á reformulación das políticas enerxéticas, actuando á vangarda en España e tamén en Europa. Na Coruña somos pioneiros a nivel nacional na xeración de enerxías limpas obtidas da xestión dos residuos", sinalou Inés Rey, que estivo acompañada polo director das instalacións, Carlos Lamora.

Econsellos Sustentabilidade

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión