Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá

As prácticas

As prácticas profesionais serven para iniciarche no mundo laboral demostrando os teus coñecementos e para adquirir experiencia no mundo da empresa.

Pero debes saber que hai dous tipos de prácticas: as laborais e as non laborais.

Prácticas non laborais

As prácticas non laborais non implican ningunha relación laboral coa empresa na que as realices, polo que non asinarás con ela un contrato de traballo. Hai 3 tipos:

Prácticas para titulados/as sen experiencia

Están dirixidas a persoas novas con pouca ou ningunha experiencia laboral. Estes son os requisitos:

  • Estar en situación de desemprego
  • Estar inscritas na oficina de emprego
  • Ter unha idade comprendida entre 18 e 25 anos, incluídos. No suposto de mozos/as inscritos/as no Ficheiro Nacional do Sistema de Garantía Xuvenil a idade máxima para realizar as prácticas non laborais será a establecida en cada momento (agora mesmo son 29 anos).
  • Posuír unha titulación oficial universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou titulación do mesmo nivel que o desta última, correspondente ás ensinanzas de formación profesional, artísticas ou deportivas, ou ben un certificado de profesionalidade.

Cobrarei algo?

Tes dereito a unha bolsa de apoio cuxa contía será, como mínimo, do 80 por cento do IPREM mensual vixente en cada momento.

Como as solicito?

Debes poñerte en contacto coa túa oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Cando finalicen as prácticas non laborais, as empresas, en colaboración cos Servizos Públicos de Emprego, deberán entregarlles ás persoas que as realizasen un certificado.

Máis info premendo aquí. https://www.mites.gob.es/es/guia/texto/guia_4/contidos/guia_4_10_5.htm

Prácticas para persoas que estean a realizar un curso de formación para o emprego

Hai cursos de formación para o emprego que teñen prácticas en empresas. Esta formación non pode estar vinculada a un certificado de profesionalidade e ten que estar dirixida a persoas desempregadas.

Cobrarei algunha axuda?

Nalgúns casos podes ter dereito ás axudas. Consulta na túa oficina de emprego ou na entidade que imparte a formación.

Prácticas para persoas estudantes universitarias: as prácticas externas

As prácticas académicas externas constitúen unha actividade de natureza formativa realizada polas persoas estudantes e supervisada polas universidades. Pódense realizar na propia universidade ou en entidades colaboradoras, tales como empresas, institucións e entidades públicas e privadas no ámbito nacional e internacional.

Tipos:

  • As prácticas curriculares configúranse como actividades académicas integrantes do Plan de estudos de que se trate e por tanto son obrigatorias.
  • As prácticas extracurriculares son aquelas que os/as estudantes poderán realizar con carácter voluntario durante o seu período de formación e que non forman parte do correspondente Plan de estudos.

Teño algunha axuda?

Nalgúns casos, si. Consulta na túa universidade.

Prácticas laborais: o contrato formativo

Neste caso, a realización das prácticas si que implica o establecemento dunha relación laboral coa entidade na que se realicen. Hai dous tipos:

Contrato de formación para a obtención de práctica profesional

Este tipo de contrato ten como finalidade a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel dos estudos que se cursaron e estes son os seus requisitos:

  • Só se poderá concertar con quen estivese en posesión dun título universitario ou dun título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado de profesionalidade, así como con quen posúa un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo.
  • As prácticas poderanse realizar dentro dos 3 anos seguintes á finalización dos estudos (5 se se concerta con persoas con discapacidade).
  • O contrato non pode ter unha duración inferior a 6 meses nin superior a 1 ano.
  • A empresa deberá elaborar un plan formativo individual e nomear unha titora ou un titor.
  • Non se poderán realizar horas extras.

Terei un salario?

Si. A retribución será a establecida no convenio colectivo para este tipo de contrato, e na súa falta será idéntica á do grupo profesional e nivel retributivo que ocupe a persoa; nunca poderá ser inferior á retribución do contrato de formación en alternancia nin ao SMI proporcional á xornada.

Contrato de formación en alternancia

Ten como obxectivo compatibilizar o traballo coa formación, é dicir, a persoa recibirás unha formación á vez que traballas e recibes un salario. Por tanto, estes contratos só se poden asinar no marco do sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo (título de formación profesional, ou universitario).

Deberán cumprirse, entro outros, os requisitos son os seguintes:

  • Non existen límites de idade da persoa contratada, excepto para os casos de certificados de profesionalidade de nivel 1 e 2, e programas públicos ou privados de formación en alternancia de emprego - formación que formen parte do catálogo de especialidades formativas do sistema nacional de emprego, que será de 30 anos.
  • A duración do contrato será mínimo 3 meses e máximo 2 anos.
  • As tarefas do contrato deben estar directamente relacionadas coa formación.
  • A persoa contratada debe ter dúas persoas titoras: unha do centro formativo e outra da entidade.
  • A retribución será a fixada por convenio colectivo. Na súa falta non será inferior ao 60% o primeiro ano e ao 75% o segundo ano, á fixada para o mesmo grupo profesional ou nivel no convenio colectivo, proporcional ao tempo efectivo de traballo. Tampouco poderá ser, en ningún caso, inferior ao SMI proporcional ao tempo efectivo de traballo.
  • Non se poden facer horas complementarias nin extraordinarias, nin traballos nocturnos nin a quendas (agás que a formación non se poida realizar noutros períodos).

Non perdas

Non perdas

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión