Concello da Coruña

Concello da Coruña

Falamos secundaria nos IES da cidade 2022-23

Ficha de inscrición 

*ata esgotarse os pases

Máis información:

O programa de dinamización lingüística "Falamos" pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego.

Normalización Lingüística ten establecida, entre as súas funcións, a de realizar diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego, entre os que se atopa o programa Falamos secundaria.

Os obxectivos máis concretos do Falamos secundaria son os seguintes:

  • Promover e fomentar a utilización da lingua galega nos centros de educación secundaria da Coruña.
  • Asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
  • Garantir que os produtos de máxima difusión e demanda poidan chegar en galego á sociedade galega.
  • Estimular nas xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado da lingua galega.
  • Superar vellos prexuízos, presións globalizadoras e inercias negativas.
  • Procurar espazos de uso e de lecer en lingua galega que sexan de calidade para o alumnado dos centros de ensino da nosa cidade.

ACTIVIDADES DIRIXIDAS AO ALUMNADO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA

Ímoslles ofrecer aos centros de educación secundaria da cidade da Coruña as seguintes actividades:

  • 5 conversas con Manuel Núñez Singala e MJ Pérez (máis intervención musical)
  • 5 conversas con Carlos Dorado Gayo (Qar)  
  • 5 conversas con Iria Veiga Ramos
  • 5 conversas con Nuria Vilán Prado

Realizaranse nos propios centros que as demanden (por orde de inscrición a través da web de Educación municipal), entre abril e novembro de 2022. Terán unha duración de 50 minutos. Cada centro só poderá recibir unha actividade.

Conversa con Manuel Núñez Singala e MJ Pérez

Organízase un espectáculo musical da cantante de Arzúa MJ Pérez, cunha conversa distendida sobre contidos sociolingüísticos --entre a propia MJ e mais Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago--, coas mozas e mozos dos 5 centros de ensino secundario participantes.

MJ Pérez é unha cantautora galega que leva en activo dende 2013 e acumula case 200 concertos por diferentes cidades e vilas galegas e portuguesas, así coma 4 discos, varios sinxelos e diversas colaboracións con outros proxectos. A súa traxectoria e traballo caracterízanse por unha gran carga de personalidade e enxeño. A súa música navega entre diferentes estilos mais sempre cunha voz característica e letras e historias que definen a súa personalidade. Ao longo do seu percorrido recibiu diversos recoñecementos, entre os que destaca o premio Xuventude Crea 2017 e o Premio Martín Códax na categoría de Canción de Autor/a en 2021, logo de ser finalista nas edicións anteriores.

Manuel Núñez Singala é director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e escritor. Entre as súas obras destacan algunhas nas que se lle presta unha especial atención á cuestión da normalización e extensión do uso do galego dende un punto de vista divulgativo e accesible, como En galego, por que non? (Galaxia, 2009) e Sacar a lingua é de mala educación. Oportunidades do multilingüismo na infancia e na idade adulta (Galaxia, 2017).

Conversa con Carlos Dorado Gayo (Qar)  

Carlos Dorado Gayo (coñecido artisticamente como Qar ou Qaramelo).  Qaramelo é un estudo independente de videoxogos que comezou a operar en  2021. Aínda emerxente, Qaramelo xa ten varios proxectos publicados e activos, mais o que máis deu a coñecer o seu nome foi a colaboración co grupo de garaxe Terbutalina, co título "Turbotalina", xogo de condución arcade presentado en píxel art. Qaramelo é un estudo unipersoal, xa que o seu máximo responsable e programador é Carlos Dorado, natural de Ourense e un talento indiscutible do mundo dixital en Galicia e en galego.

Conversa con Iria Veiga Ramos

Iria Veiga é unha médica psiquiatra e divulgadora científica ferrolá. Exerce a psiquiatría no Hospital da Barbanza e mantén o blog "O outro lado do espello". Tamén colabora cunha columna de opinión na que fala sobre ciencia en Nós Diario. Interveu en diversas iniciativas relacionadas coa lingua e a divulgación científica, como Escépticos no Pub, Pint of Science, Naukas Coruña, Concienciadas, LGx15, O galego a miña lingua propia e o podcast Burán. Actualmente mantén a canle de Twitch Balea Vermella, xunto a Javier Balea, na que realizan entrevistas e conversas sobre ciencia.

Conversa con Nuria Vilán Prado

Nuria Vilán é unha das poetas emerxentes máis destacadas do panorama lírico galego. Falará co alumnado sobre a súa traxectoria, onde destacan os seus recitais de spoken word e improvisación -como Nuria Vil-, e a recente publicación do seu primeiro poemario, Simún. Descubrirá as posibilidades expresivas da poesía dunha forma dinámica, compartiranse contidos audiovisuais para reflexionar sobre a violencia, o feminismo, o racismo, a liberdade de expresión, o acoso e a dificultade de transitar a adolescencia e enfrontarse ao mundo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión