Concello da Coruña

Concello da Coruña

A Coruña acolle o XXV Trofeo Internacional de Halterofilia, con participantes de sete países

Participantes na proba deportiva foron recibidos hoxe no Concello, ademais, o Pazo Municipal de María Pita acolleu tamén o acto de recepción á delegación de deportistas coruñeses que tomarán parte na XIV edición dos Xogos do Eixo Atlántico, entre os días 4 e 8 de xullo

Cando:

1 de xullo de 2022

A Coruña acollerá esta fin de semana a edición número 25 do Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña. Esta competición está organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Halterofilia.

Ata a cidade desprazaranse deportistas de sete países e diferentes categorías para competir o sábado pola tarde no pavillón municipal dos Rosales. Desde o Concello celébrase a volta deste histórico torneo, que se queda moi preto do récord de países participantes, que se estableceu no 2019 con nove nacións presentes. Nesta 25ª edición estarán presentes deportistas de Dinamarca, Alemaña, Hungría, Portugal, Malta, Reino Unido e España, ademais dunha selección da Federación Galega de Halterofilia. Tamén participarán deportistas do Club Halterofilia Coruña. 

Este venres, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez recibiu ás delegacións participantes no Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita. Martínez subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey para que a cidade, por espazos e infraestruturas sexa o fogar de grandes competicións deportivas internacionais, "desde a halterofilia á marcha, pasando tamén pola vela e o surf". "A Coruña é unha cidade volcada co deporte en todas as súas modalidades, e tamén unha cidade pioneira en España na educación no deporte, coas escolas deportivas municipais", agregou.

Xa mañá, sábado (11.30 horas), celebrarase a pesaxe oficial do Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña, no propio pavillón dos Rosales. Pola tarde, a primeira tanda do torneo dará comezo ás 16.00 horas. Está prevista a participación de 39 deportistas durante as diferentes sesións, en categorías masculina e feminina e de 49 a 109 quilos. A entrega de trofeos está prevista para ás 20.00 horas.

O Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña xa é un clásico do calendario deportivo da cidade. Na súa estrea, en 1996, asistiron tres países europeos e tres comunidades autonómicas. Ese número foi medrando ano a ano e o torneo acadou un gran prestixio entre as diferentes federacións.

Recepción á delegación coruñesa que participará nos Xogos do Eixo Atlántico

Ademais, Mónica Martínez tamén recibiu hoxe en María Pita á delegación de deportistas coruñeses que tomarán parte na XIV edición dos Xogos do Eixo Atlántico, composta por 52 deportistas e 8 persoas adestradoras. Haberá representación en atletismo (9 rapaces e 9 rapazas), natación (5 e 5), balonmán masculino (14) e baloncesto feminino (10), con deportistas pertencentes ao Club Atletismo Riazor, La Mochila del Deporte, Club Marineda Atlético, Club Coruña Comarca; Club Natación Casino, Club do Mar de San Amaro, Club Natación Coruña; OAR Coruña, Balonmán Culleredo, Balonmán Atlántico; Basquet Coruña, CB Maristas e CB Montrove.

A listaxe de deportistas coruñeses participantes é a seguinte: en atletismo, Celia Fernández, Alicia Chan, Antía López, Paula Vázquez, Paula Bellas, Alba Morales, Claudia Corzo, Inés Jaspe, Jimena Outes, Simón Rodríguez, Unai Loureiro, Iago Prada, Diego Real, Antón Cillero, Jorge Sánchez, Daniel Salgueiro, Javier Picos e Paulo Cameselle; en natación, Diego Suárez, Enrique Penas, Leo Ferreiro, Antón Cillero, Juan Rey, Marta Couceiro, Carlota Gil, Paula Rodríguez, Laura Canalda e Sara Fernández; en balonmán, Besay Agustí Dalmau, Alejandro Vasallo, Martín Rodríguez, Dereck Capelo, Sergio Prada, Leo Cousillas, Daniel González, Ángel Ortiz, Rodrigo Serante, Juan Francisco Pazos, Nicolás Casal, Martín Vinagre, Íker Curto, David Martínez; e en baloncesto, Claudia Díaz, Carla Vázquez, Uxía Cascales, Sara Ruiz, Antía Gómez, Helena Allende, Laura López, Mar Negreira, Noelia Fernández e Blanca Gracia.

Os Xogos do Eixo Atlántico, que se celebran cada dous anos, terán lugar entre os días 4 e 8 de xullo na cidade portuguesa de Maia. A última edición celebrouse en 2019 en Braga, no contexto previo á pandemia, que fixo que a edición prevista para o ano pasado se pospuxese para o 2022. 

A cerimonia de inauguración desta XIV edición celebrarase o luns, 4 de xullo, a partir das 17.00 horas (hora española), e a competición para a delegación de deportistas coruñeses comezará o martes.

O Plan de Igualdade do Deporte Coruñés

Por outra banda, este xoves tivo lugar a segunda xuntanza do ano da comisión permanente do Consello Municipal de Deportes, coa participación da concelleira de Deportes, Mónica Martínez.

Nese foro a concelleira anunciou que o Plan de Igualdade do Deporte Coruñés, iniciativa que busca impulsar a igualdade na práctica deportiva da muller no ámbito local, será posto en marcha o vindeiro ano.

Ademais, tamén se emitirá unha convocatoria extraordinaria de subvencións de concorrencia competitiva no mes de setembro, cun crédito de 66.000 euros. Neste sentido, cada entidade deportiva poderá presentar unha solicitude do tipo 1 (actividade deportiva) ou do tipo 5 (organización de eventos deportivos e competicións na cidade da Coruña). Promoverase, sobre todo, ás entidades que non recibisen subvencións na anterior convocatoria.

Finalmente, tamén se anunciou que no primeiro semestre de 2023 activarase o programa 'Capaz-Cidade', co que se pretende achegar ás e aos membros das asociacións de persoas con discapacidade ao tecido deportivo coruñés, así como á realidade dos clubs, e incentivando tamén a práctica deportiva.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión